Sunday 28 de April de 2024

Mato agradece o compromiso “solidario e afectivo” das familias que acollen a menores en situación de desamparo


A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe en Oleiros no Encontro de Familias Acolledoras que organiza Cruz Vermella

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, agradeceu o compromiso “solidario e afectivo” das familias galegas que acollen a menores en situación de desamparo. Así o sinalou hoxe durante a súa participación en Oleiros no Encontro de Familias Acolledoras organizado por Cruz Vermella.

“Gustaríame que este encontro servira unha vez máis para dar visibilidade á figura do acollemento familiar, que aínda non é suficientemente coñecida nin recoñecida a nivel social”, proseguiu a titular do departamento autonómico. De aí que insistira na necesidade de impulsar este recurso, co fin de conseguir que “os menores internados en centro sexan os mínimos posibles”.

De feito, a Lei de apoio á familia e a convivencia de Galicia do ano 2011 xa regula a conveniencia de que os menores vivan nunha familia sempre que sexa posible. Esta aposta pasou a recollerse tamén, desde hai un mes, na nova normativa estatal de protección á infancia. Este texto inclúe tamén outras novidades como a axilización do acollemento familiar, ou a posta en marcha de novas figuras como o acollemento especializado e de urxencia.

Segundo explicou Mato, o compromiso da Xunta co acollemento no se limita só a normativa, senón que se reflicte tamén nos orzamentos. Cada ano o Goberno galego inviste 3,4 millóns neste concepto, que engloba tanto o acollemento en familia extensa como en allea.

En concreto, este último desenvólvese a través do programa de Cruz Vermella, que se vén realizando en colaboración coa Administración autonómica desde 1995. Este ano volve contar de novo cun orzamento de 300.000 euros.

A día de hoxe, a cifra total de acollementos familiares en Galicia ascende a 1.277 nenos e nenas, computando tanto aqueles de familia extensa como allea. Xa en concreto, o programa de Cruz Vermella (familias alleas) conta.actualmente coa participación de case 270 familias (incluíndo as que acollen actualmente e as que están en espera) e, grazas a el, 130 nenos están coidados agora mesmo no seo dun fogar.

“Estamos polo bo camiño, ofrecendo aos nenos e nenas que o precisan a oportunidade de vivir nun ambiente familiar normalizado”, considerou Mato, quen destacou que é preciso seguir avanzando nestes avances, a través do compromiso e solidariedade de toda a sociedade.